Thursday 02 de May de 2024

Montserrat González, nova presidenta de ASOCIM: “A nosa prioridade segue a ser a defensa da consolidación dos postos de traballo dos Centros de Información á Muller”


 

A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia denuncia a precaria situación das profesionais de moitos CIMs neste 8 de marzo

A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia (ASOCIM) vén de renovar a súa equipa directiva con Montserrat González á fronte. González, avogada e directora do Centro de Información á Muller de Bueu, pasa de ocupar a secretaría da entidade á presidencia, posto que ata o de agora era ocupado por Margarita de la Calle, responsable do CIM da Estrada. Á vicepresidencia súmase Mª Jesús Lourido e á secretaría Lucía Núñez. Na vicesecretaría, tesourería e nos cargos de vogais repiten Patricia Lores, Paula Tenorio, Ana Belén Fernández e Ana Álvarez, respectivamente.

Montserrat González mantén a liña de traballo que desde o 2015, ano de fundación da entidade, se leva desenvolvendo desde ASOCIM. “A prioridade segue a ser a defensa e representación dos intereses das asociadas e asociados, a promoción do recoñecemento das/os profesionais dos CIM, a consolidación dos postos de traballo dentro da administración local, tendo en conta que a súa financiación con fondos europeos remata este ano, e a mellora da calidade dos mesmos. Así como reivindicar o reforzo dos CIM que xa existen, en función das súas circunstancias particulares e necesidades; pois non é o mesmo un Centro de Información da Muller nunha cidade que nunha pequena vila”, asegura a nova presidenta da asociación.

Nesta liña, e coa mirada posta no Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo, ASOCIM denuncia a situación laboral das traballadoras e dos traballadores dos CIM. En primeiro lugar, manifestan a necesidade de dotar aos centros de máis persoal, tendo en conta as listas de espera, que poden sumar meses, en moitos CIMs da comunidade “Non pode haber listas de espera para poder atender ás mulleres; ao final toda esta situación a quen afecta é ás propias usuarias”, denuncia González. Solicitan que os CIMs cunha alta actividade conten cunha/cun auxiliar administrativa/o e as tarefas de dirección se desenvolvan de forma independente das funcións da/o avogada/o e/ou psicóloga/a para que poidan ocuparse plenamente da atención especializada ás usuarias. Ademais, este panorama ten un impacto directo na saúde das profesionais e que se constata na síndrome Burnout, ao sentirse “saturadas, desbordadas” pola elevada carga de traballo e o estrés emocional que estes procesos provocan.

Suficiente equipo humano e suficientes centros. “É necesario crear CIMs no interior das provincias de Ourense e Lugo atendendo a criterios racionais de oportunidade, non poñer en marcha centros en concellos que xa teñen outro CIM próximo porque si”, expón a presidenta de ASOCIM que volve poñer de manifesto a situación de esquecemento á que se ven abocadas as mulleres das zonas rurais. E é que os CIMs son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral e constitúen o primeiro recurso especializado a súa disposición.

A terceira reivindicación de ASOCIM para este 8 de marzo é a demanda dunha “formación continuada e de calidade” que lle permita ás profesionais dos CIM manterse actualizadas co obxectivo de seguir prestando un servizo especializado e de calidade.

A todas estas demandas súmase unha cuarta, a da posta en marcha dun reparto dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia Machista que teña un impacto real na mellora da situación dos Centros de Información á Muller, así como no aumento das axudas destinadas ás mulleres que están a sufrir violencia machista.

Axenda Feminista Galega

Recentemente ASOCIM adheriouse á Axenda Feminista Galega, un manifesto, asinado por once colectivos feministas polo momento, que recolle “as reivindicacións en materia de igualdade en Galicia para presentar aos partidos políticos nas vindeiras eleccións autonómicas”.

Algunhas das 25 reivindicacións a destacar son: destinar o 0,5% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia (sen ter en conta as achegas o Pacto de Estado) ás políticas específicas para a igualdade de oportunidades; implementar un sistema de seguimento, control e avaliación de impacto real das actuacións financiadas cos fondos propios da Xunta e os que proceden do Pacto de Estado; o tratamento da violencia de xénero como terrorismo machista; aplicar de forma íntegra a Lei 11/2007 de tratamento integral da violencia de xénero ou crear desde a Xunta unha verdadeira Rede de Centros que sexa a garantía dun servizo integral ás mulleres nos 313 concellos galegos